No castelo de Tintaxel vive o rei Garlois, a súa muller Igraine e mais Morgana, a filla de ambos. Nunha batalla Garlois resulta malferido, e o mago Merlín logra que Uther de Pendragón, o nobre que derrotara a Garlois, adopte a aparencia deste e deixe preñada a Igraine. Froito da relación nace Artur. Anos despois, Merlín fai que Artur case con Xenevra, co propósito de convertelo en caudillo dos celtas en Britania e acadar a cristianización do seu pobo.
Pola súa banda, Morgana marcha coa súa tía Viviana á illa de Ávalon, a formarse e desenvolver a súa sabedoría, regresando a Camelot para a voda do seu irmán. Mais malia os propósitos de Merlín, o amor entre Artur e Xenevra non é tal, posto que Xenevra está namorada de Lanzarote do Lago e Artur da súa irmá.